CRTVG

Buscar

O comité clínico cre que a pandemia está estabilizada en Galicia

Publicado o 21/04/2021 13:56

A evolución dos datos da pandemia en Galicia convidan ao optimismo, pero non debemos baixar a garda. Houbo lixeiras repuntas en Vigo, ou nas comarcas da Barbanza e do Salnés, pero hai 135 concellos que non notificaron ningun caso nos últimos 14 días. A presión asistencial mantense estable, pero os expertos do comité clínico inciden na importancia da prevención para conter o virus.

Respecto das novas variantes do virus que están circulando por Galicia, detectáronse 307 casos das cepas británica, surafricana e brasileira. Pero as autoridades envían unha mensaxe tranquilizadora.

Fronte ao virus, a mellor arma é a vacinación. Avánzase no plan de inmunización. Esta tarde chegan 8.300 doses de Jansen que se administrarán a domicilio a persoas dependentes e aos mariñeiros. As autoridades estiman que en xuño poderían estar inmunizados todos os galegos maiores de 60 anos. Isto permitiría avanzar cara á normalidade, por exemplo, co plan piloto para reabrir o ocio nocturno en que xa se traballa.

E entre as medidas inmediatas que entrarán en vigor o venres, o comité acordou ampliar a capacidade dos mercados segundo o número de postos que teñan autorizados, tamén das atraccións de feira e os congresos, aos que poderán asistir 500 persoas se son en interior e 1.000 en exteriores.

Noticias web

21/04/2021