O comezo da segunda fase na 2.ª B evidencia a dureza dos equipos do outro subgrupo
O comezo da segunda fase na Segunda B confrontou os nosos equipos coa dureza do outro subgrupo. E o certo é que os primeiros choques deixaron feridas. O Celta B caeu goleado en Balaídos ante o Valladolid Promesas e o Compostela acabou sacando a bandeira branca no Vero Boquete fronte ao Numancia: "Hai que saber quen somos, de onde vimos, a realidade que temos e o que tiñamos en fronte", lembra Iago Iglesias, adestrador santiagués.
O Coruxo tivo que dar por bo o seu empate ante o filial do Spórting no Vao. Míchel Alonso salientou: "Non gañar hoxe, podemos dicir que pode ser un paso atrás, pero perder sería nefasto". Porque o Coruxo ten 21 puntos, está a tres do líder do grupo da permanencia, o Pontevedra, que puido golear na casa ante Covadonga pero acabou cun 2 a 1 sempre incerto porque, como sinala Luisito, o técnico granate: "Evidentemente puidemos golear, pero tamén sufrimos coma condenados, esa é a realidade. Hoxe en día o fútbol está moi igualado".
No grupo dos que pelexan pola Primeira Federación o Rácing tamén cansou de errar ocasións para acabar impoñéndose por un único gol. Os de Cristóbal van recuperando folgos. "Aínda nos queda, aínda nos queda, sinceramente, pero si que é verdade que demos un paso adiante", recoñece o adestrador departamental. Ese paso adiante sérvelles para seren segundos dous puntos por detrás do Deportivo que gañou nun partido espeso diante do Marino, un equipo perigoso, segundo Rubén de la Barrera: "Estou convencido de que o Marino durante esta segunda fase vai dar moitísima guerra".
A segunda fase comezou e os rivais xa ensinan as unllas.