CRTVG

Buscar

O comercio local incentiva as vendas con descontos en plena temporada

Publicado o 26/04/2021 14:13

O comercio local é, xunto coa hostalería, un dos sectores económicos máis afectados pola pandemia. Son demasiadas as tendas que xa pecharon, e demasiadas tamén as que se ven abocadas ao peche. Co fin de incentivar as vendas, en moitos negocios decidiron ofrecer descontos en plena temporada, que nalgúns casos poden chegar ao 40 por cento do prezo dos produtos.

María José García, dependenta dunha tenda con descontos: "Neste momento temos dende un 10 por cento de desconto en determinados artigos e entre un 20 e un 30 por cento en pixamas precisamente para animar un pouco as vendas. Ademais, co cambio de temporada sempre nos vén ben renovar certos artigos. Si notamos, dende que empezamos cos descontos, que a venda si se anima. A xente agradece moito un desconto".

Posto que a fórmula está a funcionar, cada vez son máis os negocios que se animan a aplicar descontos non só na súa web, senón tamén nas tendas físicas. Desta maneira, conseguen combater os efectos negativos da pandemia nas vendas.

"Este ano, tanto no Black Friday como polo Nadal, viuse nas tendas que se aplicaron moito á hora de facer descontos para animar a xente a saír da casa e poidamos probar. Agora vin en moitos comercios que teñen descontos polo Día da Nai, o cal é importante para que poidamos aproveitar esas promocións e que se vexa ambiente nas rúas, porque se non é unha tristeza".

Malia todo, o comercio galego acumula a día de hoxe trece meses consecutivos de caída de vendas.

Noticias web

26/04/2021