CRTVG

Buscar

O comercio do Carballiño lanza unha campaña para afrontar as restricións

Publicado o 19/10/2020 20:40

"O Carballiño móvese" é o nome da campaña con que o comercio local afronta as restricións á mobilidade que illan este concello e os veciños de Boborás e O Irixo do resto da comarca para controlar a expansión do coronavirus.

Noelia Mares Méndez, xerente do Centro Comercial Aberto do Carballiño: "Agora non se pecha, hai que estar abertos, pero coas restricións de mobilidade hai menos xente na rúa, así que hai que facer algo para manter as vendas".

Os clientes contactan co comercio por teléfono ou a través das redes sociais e fan a súa compra sen pisar o establecemento.

Silvia Asorey, tenda "Futboleros Carballiño": "No meu caso, aceptamos pago con bizum, que non tes que dar datos nin nada, só un ingreso a un número de teléfono, e aceptamos tamén o pago con tarxeta desde a casa".

Máis de medio cento de comercios do Carballiño participan xa nesta inicativa que abrangue distintos sectores: desde roupa e calzado ata xoguetes, decoración ou ferretería.

O centro comercial aberto do Carballiño calcula que hai só neste concello ao redor de dúas mil persoas confinadas, entre os que teñen a covid−19 e os seus contactos directos. A eles vai dirixido tamén este servizo.

Ana Barreiro Álvarez, tenda "Innova Decor": "Colgamos todo. Eles ven o produto, se queren algo especial ensinámosllelo e, se non, o que ven eles".

A campaña apóiase en empresas de mensaxería. Xa recibiron pedidos desde a tamén confinada cidade de Ourense.

Noticias web

19/10/2020