CRTVG

Buscar

O colexio galego-arxentino mantén as clases presenciais na segunda vaga da pandemia

Publicado o 14/06/2021 21:17

Na Arxentina, a pandemia obrigou a pechar novamente os colexios en numerosos puntos do país. Porén, o Goberno da cidade de Bos Aires decretou a continuidade das clases presenciais e deste xeito o instituto Santiago Apóstolo mantén as súas portas abertas.

Coa chegada da segunda vaga de contaxios, a educación pasou ao centro do debate político na Arxentina. O Goberno nacional é partidario de pecha-las escolas, mentres que a cidade de Bos Aires prefire mante-las abertas. En medio desta situación están os propios centros educativos, como o colexio galego-arxentino Santiago Apóstolo.

Protocolos estritos e máis de 30 grupos burbulla.Estes son os piares sobre os que o colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires sostén a presencialidade nas aulas. Máis de 500 estudantes acoden tódolos días á escola, que tivo que reorganizar o seu plan educativo para garantir a saúde dos rapaces e rapazas.

"Logramos paulatinamente ir incrementando a nosa presencialidade en función das clases matutinas. A realidade é que notamos unha necesidade imperiosa dos mozos e mozas de acudir ao seu colexio", di Carlos Brandeiro, director do instituto galego-arxentino Santiago Apóstolo.

Nesta volta á presencialidade, o director do colexio destaca o apoio do Centro Galicia de Bos Aires e da propia Xunta de Galicia, que creou un orzamento específico para o instituto.

Noticias web

14/06/2021