O colexio de Paradai e os de Guitiriz son os que máis casos de covid-19 teñen en Galicia
Publicado o 22/02/2021 08:29
Desde que se detectou o gromo, a preocupación espallouse polo barrio de Paradai, en Lugo. É complicado encontrar algún veciño. Os poucos que hai na rúa manteñen as distancias.
O gromo detectouse hai unha semana en alumnos de varias aulas deste colexio, así que, decidiuse facer un cribado a toda a comunidade escolar. En total, están afectadas unhas sesenta persoas, entre alumnos, pais e profesores. Sospéitase que é da variante británica, cun risco de transmisión moi elevado.
Como consecuencia deste gromo no colexio de Paradai hai varias clases pechadas.
Tamén hai preocupación en Guitiriz, onde hai sesenta e un positivos entre os tres centros escolares da localidade. Aquí parece que o gromo está controlado, porque os casos van descendendo.