CRTVG

Buscar

O Colexio de Farmacéuticos da Coruña rescata a figura de Pasteur para animar a vacinarse

Publicado o 15/04/2021 16:18

Os farmacéuticos da Coruña alertan contra a desinformación e aconsellan confíar só en expertos acreditados. Postos a seguir un 'influencer' para tomar unha decisión nunha determinada materia, a cuestión é escoller ben. Que sexa un bo coñecedor do asunto e manexe información contrastada.

"Eu creo que de medicamentos so deberían falar expertos en medicamentos e a vacina é un medicamento", di a farmacéutica Eugenia Araujo Cornide. 

Para que o principio básico do rigor calle na sociedade á hora de informarnos sobre as vacinas, os farmacéuticos coruñeses apelan ao mesmísimo Louis Pasteur, o biólogo francés que logrou avances fundamentais na loita contra os microorganismos que nos causan enfermidades.

"Porque eu creo que esto liouse tamén por titulares sensacionalistas a veces, entón alarmouse moito a sociedade", di Eugenia.

Para os farmacéuticos, non hai dúbida entre a relación risco-beneficio das vacinas. 

"A mellor vacina é a que che van poñer", di Blanca González, vogal do Colexio de Farmacéuticos da Coruña.

E para quen aínda siga tendo dúbidas, din que conten con eles para resolvelas.

"Estamos nas farmacias, nas redes sociais, por teléfono resolvemos calquera dúbida tamén", di a representante dos farmacéuticos coruñeses. 

Noticias web

15/04/2021