O Clúster Turismo de Galicia lanza unha campaña familiar para desestacionalizar o negocio
O Clúster Turismo de Galicia pon e marcha unha nova campaña para tentar desestacionalizar o negocio. Dirixido a un público familiar, oferta paquetes de balde para menores de doce anos. A campaña, que comeza este domingo, pon no mercado 50.000 prazas hoteleiras, 13.000 medias pensións, 4.500 pensións completas e 1.500 actividades de lecer. Todo de balde para menores de doce anos que viaxen na compaña dalgún familiar.
"Ten un valor no mercado de 1,5 millóns de euros e o custe para o sector serían 800.000. Perp o que hai que salientar é o valor no mercado desta campaña: 1,5 millóns de euros con 50.000 camas de balde para menores de doce anos", explica Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia.
O obxectivo do clúster é consolidar Galicia como destino turístico familiar fóra da tempada alta. "Estamos nunha tempada baixa para o sector e o que queren estes establecementos é afianzarse como destino familiar noutras estacións. Por iso sácase a campaña despois de rematar a campaña estival", engade o responsable do clúster.
Os establecementos que se suman á iniciativa ofrecen paquetes personalizados que poden mellorar a promoción básica con descontos adicionais ou actividades propias.
"Temos animación infantil, gastronomía tematiza para os máis pequenos. Tamén ofrecemos programas sociais e culturais dentro e fóra do hotel para que as familias teñan unha axenta o máis completa posible", asegura Lalo Crespo, director do hotel Puerta del Camino.
Pódense coñecer os establecementos adheridos e as distintas ofertas na páxina web do Clúster Turismo de Galicia. A campaña rematará o 30 de xuño de 2020 xusto antes do comezo da tempada alta.