O Clúster do Turismo augura cifras de ocupación na Semana Santa superiores ao ano pasado
Previsións optimistas para esta Semana Santa. O sector turístico galego confía en acadar unha ocupación hoteleira que se achegue ao 80% e mesmo que nalgúns puntos se supere esa cifra. A situación meteorolóxica será, con todo, un gran condicionante.
Despois dunha fin de semana en que a ocupación en casas rurais, hoteis urbanos e balnearios xa foi moi positiva, as previsións auguran unhas cifras para os vindeiros días festivos superior ás do ano pasado.
Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo: "Estaremos nunha franxa arredor do 65 e o 75% de ocupación, se ben é certo que haberá zonas con ocupación superior, como a Mariña lucense, Ferrol por esta Semana Santa declarada de Interese Turístico Internacional, ou tamén outros lugares como a Ribeira Sacra que tamén vai ter moi boa ocupación, ao igual tamén ca a Costa da Morte".
Mentres o turismo do interior se consolida como alternativa, desde o clúster insisten en que urxe resolver os problemas de conectividade.
"É un luxo ter tres aeroportos en Galicia. Non se dá buscado unha solución. Levamos anos perseguindo que haxa coordinación, pero desde logo as cifras de ocupación internacional en Galicia a través deses voos dos aeroportos galegos non fructifican", asegurou o presidente do Clúster de Turismo.
Sexa como for, a situación meteorolóxica condicionará, coma sempre, como será esta Semana Santa.