CRTVG

Buscar

O Club Fluvial de Monforte segue pechado por precaución

Publicado o 06/08/2020 13:55

Os operarios de limpeza desinfectaban esta mañá as inmediacións do club fluvial de Monforte despois do positivo por coronavirus que se rexistrou o luns pasado e que afectaba un empregado do club.

As instalacións seguen pechadas polo momento e non hai data fixada para a reapertura, se ben confían en que se realice en breve. Outros sete traballadores foron sometidos a probas PCR, e deron todos eles resultado negativo.

Os usuarios das instalacións amósanse contrariados polo peche pero entenden que o máis importante é impedir novos contaxios.

Monforte recibe estes días numerosos turistas e monfortinos que viven noutras zonas de España. Por iso, os veciños están concienciados da necesidade de tomar todas as precaucións para combater o coronavirus.

"Ao deixar viaxar a xente xa se sabía que podían vir persoas contaminadas. É normal. Non queda outra que seguir aplicando todas as precaucións necesarias", dinnos na rúa.

Malia o peche do club fluvial, monfortinos e visitantes poden refrescarse nas augas do río Cabe, que atravesa a cidade, ou nas do Sil e o Miño, que están moi preto dela.

Noticias web

06/08/2020