CRTVG

Buscar

O Clínico de Santiago, dentro do ensaio mundial de Pfizer, xa inmunizou 34 menores de 12 anos

Publicado o 24/08/2021 15:19

O Clínico de Santiago xa vacinou 34 nenos menores de 12 anos coa pauta completa de Pfizer, o laboratorio que promove este estudo mundial. O que sabemos polo de agora é que os inmunizados en Santiago responderon ben á vacina, sen complicacións derivadas. A dose é algo menor que a inxectada aos adultos, algo que non ocorre con outras vacinas. Estes ensaios poñen cada vez máis cerca a vacinación dos pequenos, aínda que o proceso pode alongarse varios meses.

Son 34 os nenos que ata o momento participan no ensaio no Hospital Clínico de Santiago coa vacina de Pfizer, 25 deles de entre 6 e 12 anos e 9 deles entre seis meses e seis anos. Xa teñen a pauta completa e agora estase avaliando a seguridade e a eficacia. Os resultados parecen alentadores.

Os pacientes menores de Santiago son tan só unha pequena parte do estudo mundial de Pfizer. Os resultados prevese que se obteñan entre setembro ou outubro e logo haberá que solicitar a autorización ás axencias de medicamentos.

Se o aproban as axencias despois cada país decidirá se inmunizar ou non os pequenos de 12 anos. Os pediatras en xeral son partidarios da vacinación deste grupo, máis polo beneficio colectivo, xa que os pequenos son bos transmisores do virus.

Hai que ter en conta que case hai cinco millóns de menores de 12 anos en España, o que supón arredor do 10 por cento da poboación.

Noticias web

24/08/2021