CRTVG

Buscar

O CIS reforza a PSOE, Podemos e PP e castiga a Vox e Ciudadanos

Publicado o 15/07/2020 13:34

O último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas do mes de xullo reforza os dous partidos do Goberno, PSOE e Unidas Podemos, que soben entre os dous 1,6 puntos, pero tamén o PP, que gaña 1,2 puntos, mentres castiga a Vox e a Ciudadanos

A enquisa, elaborada mediante 3.000 entrevistas telefónicas entre os pasados 1 e 9 de xullo, concede ao PSOE un 32,1 % en estimación de voto (nove décimas máis que en xuño), seguido do PP, cun 21,2 %, fronte ao 20 % da anterior sondaxe. 

Unidas Podemos sería a terceira forza, cun 12,1 % fronte ao 11,4 do mes pasado, mentres que Vox cae case un punto ata o 11,6 %, e Ciudadanos volve perder fol en comparación con anteriores enquisas e queda no 8,8 % en estimación de voto, seis décimas menos que en xuño.

Todos os líderes igualan ou melloran a súa nota pola xestión do coronavirus

Por outra banda, os principais líderes políticos igualan ou melloran a nota que lograron o mes pasado pola forma en que están a xestionar a pandemia do coronavirus, segundo o barómetro publicado este mércores.

A sondaxe indica que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, segue sendo o mellor valorado en relación coa xestión da crise e mesmo supera o aprobado, cun 5,1, dúas décimas por encima da nota do mes pasado.

Ségueo Inés Arrimadas, a presidenta e portavoz parlamentaria de Ciudadanos, quen mantén a súa valoración nun 3,9, e en terceiro lugar, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, quen tamén mantén a nota do mes pasado, o 3,7.

O presidente do PP, Pablo Casado, mellora unha décima e sitúase no 3,5, e o de Vox, Santiago Abascal, sobe dúas décimas ata o 2,5, aínda que segue sendo o peor valorado.

En canto á valoración política de cada un dos líderes, sen ter en conta as connotacións derivadas da xestión da pandemia, todos eles melloran a súa nota respecto á do mes pasado.

Pedro Sánchez é tamén o mellor valorado, cun 4,9, dúas décimas máis que en xuño, seguido por Inés Arrimadas, cun 4,1, unha décima máis que o mes pasado.

Séguenos Pablo Casado e Pablo Iglesias, ambos cun 3,6 fronte ao 3,5 que tiveron en xuño, e en último lugar, Santiago Abascal, quen consegue un 2,5, unha décima máis que en xuño.