CRTVG

Buscar

O CIS mantén aberto o resultado en Madrid: dereita ou esquerda poden gobernar

Publicado o 22/04/2021 11:49
O CIS mantén aberto o resultado en Madrid: dereita ou esquerda poden gobernar

O CIS recorta a vitoria da candidata do PP en Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que gañaría as eleccións do 4 de maio cun 36,7 por cento dos votos e entre 54 e 56 escanos, en tanto que concede unha subida a Vox, que chegaría ata os 13 escanos, xusto ao límite da maioría absoluta fixada en 69 deputados.

A última enquisa flash do Centro de Investigacións Sociolóxicas, elaborada os pasados 19 e 20 de abril, desinfla as expectativas do PP con respecto á sondaxe do pasado mes de marzo, ao pasar de 59 escanos a unha pinza de entre 54 e 56, en tanto que o PSOE tamén vería diminuída a súa representación, de 38 a un máximo de 36 escanos.

Más Madrid e Unidas Podemos si aumentarían a súa representación, xa que a formación de Mónica García escalaría ata un máximo de 24 deputados, e a de Pablo Iglesias ata 13, en tanto que Ciudadanos quedaría fóra da Asemblea, cun 4,6 por cento en estimación de voto, por baixo do 5 por cento mínimo para ter representación. 

Con estas previsións da sondaxe do CIS o resultado queda totalmente aberto. Xa que tanto o bloque de dereitas como o de esquerdas poderían alcanzar a maioría necesaria para gobernar, e todo quedaría a espensas de contar ata o último voto para saber quen se leva os escanos que están en xogo.