CRTVG

Buscar

O PSOE aumenta a súa vantaxe sobre o PP, segundo o barómetro do CIS

Publicado o 27/07/2020 15:04

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) outorgoulle unha nova subida ao PSOE, ao que lle concede un 32,4 por cento dos votos, tres décimas máis ca no último barómetro de primeiros de xullo, que se suma a unha importante caída do PP, co que os socialistas aumentan a súa distancia ata os 13 puntos.

No seu estudo sobre opinión pública e política fiscal, elaborado entre o 9 e o 19 de xullo pasados, o CIS dálle un retroceso de 1,8 puntos ao PP, ata o 19,4 por cento, mentres que volve situar Unidas Podemos como terceira forza política, cun 12,6 por cento en estimación de voto, cinco décimas máis ca na anterior sondaxe.

Vox recupera algo de forza e sobe sete décimas, ata o 12,3 por cento, en tanto que Ciudadanos permanece practicamente estable -baixa unha décima-, no 8,7 por cento de estimación de voto.

A sexta forza política segue sendo ERC, que mantén unha senda ascendente, sobe unha décima e obtería, segundo o CIS, un 2,8 por cento, seguido de JxCat, co 1,3 por cento e dúas décimas menos con respecto á anterior sondaxe.

Caída tamén do PNV, que pasa do 1,3 por cento en estimación de voto ao 1,0 por cento, idéntica porcentaxe que obtería Bildu, que sobe dúas décimas.

Más País/Compromís experimenta un importante crecemento, do 0,9 ao 1,6 por cento, en tanto que o BNG, do mesmo xeito que sucedeu nas pasadas eleccións galegas, mantén unha subida sostida, sobe unha décima e queda no 0,8 por cento de estimación de voto.

Apenas cambios no resto de formacións minoritarias. A CUP obtería un 0,5 por cento, mesma porcentaxe que CC-NC; NA+, un 0,4, en tanto que o PACMA, partido sen representación parlamentaria, é citado como a opción preferida por un 1,1 por cento dos votantes.