O CIS dálle unha ampla vitoria ao PP en Madrid, aínda que insuficiente para gobernar

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) outórgalle unha ampla vitoria ao PP que dobraría a súa representación na Asemblea de Madrid ao pasar de 30 a 59 escanos. Porén, o triunfo non sería suficiente para alcanzar a maioría absoluta, nin sequera sumando a Vox, que obtería nove, tres menos ca no 2019.
A enquisa, elaborada entre o 19 e o 28 de marzo pasados, non lle dá representación a Ciudadanos, que apenas obtería un 2 % dos sufraxios, lonxe do 5 % mínimo necesario para entrar no Parlamento autonómico.
O PSOE, que no 2019 foi a forza máis votada, lograría 38 escanos, un máis ca nos anteriores comicios, pero perdería 2 puntos en estimación de voto (baixaría ata o 25,3 %). Más Madrid mantería os seus 20 deputados e Podemos, encabezado por Pablo Iglesias, escalaría ata os dez escanos, tres máis, e un 8,7 % dos votos.
Valoración do liderado
Respectao ao liderado, as persoas entrevistadas prefiren como presidenta da comunidade a Isabel Díaz Ayuso. Porén, valoran máis ao socialista Ángel Gabilondo, que se sitúa á cabeza cunha nota media de 5,6 puntos.
A candidata de Más Madrid, Mónica García, segue de preto ao líder da listaxe, con 5,2 puntos de media. Ambos os dous son os únicos que superan o aprobado.
Por baixo do 5 quedan os demais: a popular Isabel Díaz Ayuso (4,9), o candidato de Ciudadanos Edmundo Bal (4,3), a representante de Vox Rocío Monasterio (3,6) e, no último lugar, Pablo Iglesias. Cun 3,2, o líder de Unidas Podemos obtén a peor cualificación.
Preferencia "nestes momentos"
Isabel Díaz Ayuso aparece como favorita, cunha porcentaxe do 38,6 por cento, cando se pregunta quen preferiría que presidese a Comunidade de Madrid “nestes momentos”.
Detrás sitúase Ángel Gabilondo, co 22,3 por cento e, moi por baixo, a candidata de Más Madrid, Mónica García (10,2 por cento) e Pablo Iglesias (8,1 por cento). En último termo empatan a líder de Vox, Rocío Monasterio, e o candidato de Ciudadanos, Edmundo Bal, ambos os dous cunha porcentaxe do 2,2, por cento.