CRTVG

Buscar

O cineasta Óliver Laxe promove xornadas de desenvolvemento rural en Navia de Suarna

Publicado o 17/09/2021 21:27

Recuperar técnicas, sabores e produtos xa esquecidos pode ser a mellor maneira de sacar adiante proxectos no medio rural. Unha idea de desenvolvemento que estes días están a explicar no corazón dos Ancares.

Proxectos agrogandeiros de pequena escala espallados por todo o Estado español e con base en lugares tan remotos e con dificultades orográficas como o de Vilela, en Navia de Suarna. Iso é o que se está a dar a coñecer nestas primeira edición de ´O que non arde', un evento promovido, claro está, polo cineasta Oliver Laxe.

Enxeñeiros agrónomos, técnicos de medio ambiente, xerentes de cooperativas e ata psicólogos e un párroco. E, por suposto, gandeiros e agricultores. Todos eses perfís participan nesta primeira edición de O que non arde, unhas xornadas formativas e divulgativas que queren transmitir que con esforzo e coñecemento nada é imposible no rural.

Un dos principais promotores da xornada, e que se celebra na aldea que está a rehabilitar, é o cineasta Oliver Laxe, un dos mellores exemplos de que se pode regresar ao campo e desenvolver proxectos alternativos. "Son proxectos con moito corazón e conforta ver que non se está só", di Laxe.

As xornadas abranguen tamén a xuntanza da Sociedade Galega de pastos e Forraxes. Unha entidade pioneira no aproveitamento silvopastoril das zonas de montaña coma esta.

A comercialización, as experiencias cooperativistas ou a convivencia coa fauna salvaxe son outros temas abordados en O que non arde. 

Noticias web

17/09/2021