O Chicle senta a partir do luns no banco para ser xulgado polo asasinato de Diana Quer
• O xuízo durará unha semana e contará cun cento de testemuñas
• Fiscalía e acusación particular piden prisión permanente revisable
O luns comeza o xuízo do caso Diana Quer. O único acusado, o Chicle, declarará o martes 29, despois virá un cento de testemuños que se alongarán durante toda unha semana. Os xulgados das Fontiñas, en Santiago, acollerán esta vista en que Abuín Gey se enfronta á prisión permanente revisable.
O proceso comezará case dous anos despois da detención do Chicle e da localización do corpo de Diana. O luns 28 de outubro será a selección do xurado popular que se encargará de analizar os feitos e emitir un veredicto sobre o crime. Ao día seguinte, o 29, comezarán as sesións coa declaración do acusado, nunha xornada en que tamén está previsto que interveñan como testemuñas os pais de Diana Quer. Entre o 30 de outubro e o 5 de novembro desenvolveranse catro xornadas en que declararán máis de 50 testemuñas: familiares do acusado e da vítima, feirantes, policías locais, mergulladores que participaron na reconstrución, axentes que revisaron as pescudas e veciños.
A partir do día 6 de novembro declararán 40 expertos. Analizarán a identificación do coche do Chicle gravado pola cámara dunha gasolineira, as pegadas e restos biolóxicos no vehículo, un informe grafolóxico, o rastrexo dos teléfonos móbiles, ademais dos dous informes forenses, que pecharán as sesións o 8 de novembro. Estímase que a semana do 11 podería entregarse ao xurado o obxecto de veredicto, tras o o que se iniciará o período para a deliberación ata chegar a unha sentenza.
A sección Sexta da Audiencia en Santiago acollerá preto dun cento de xornalistas que seguirán ao minuto o desenvolvemento do xuízo dun caso que conmocionou o país. José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, único acusado deste crime e autor confeso da morte de Diana, enfróntase aos delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal, polos que tanto a fiscalía como a acusación particular piden prisión permanente revisable.