CRTVG

Buscar

'O Chicle' chega ao cárcere da Lama procedente de Teixeiro

Publicado o 10/01/2018 15:37


Esta é a imaxe do día, o acusado da morte de Diana Quer, José Enrique Abuin Gey, chegaba ao cárcere da Lama, despois de ser trasladado desde a prisión de Teixeiro. Unha medida que tomou o xuíz presuntamente porque había risco de vinganzas doutros reclusos relacionados con el por narcotráfico, reclusos aos que delatou no pasado. A familia de Diana acaba de comunicar que o seu enterro se celebrará na estrita intimidade.

Institucións Penitenciarias aprobou o seu traslado despois de que a Xunta de tratamento de Teixeiro analizara o luns a súa situación neste centro penitenciario.

O que pretenden con este cambio é afastalo doutros presos pertencentes ao antigo clan dos Fanchos, co que O Chicle tivo relación no pasado e que o acusan de delatalos logo de seren detidos con 19 kilos de cocaína.

Con este cambio, evitaríase que estes presos que cumpren condena por narcotráfico no cárcere da Coruña puidesen agredilo ou ameazalo. Polo momento, O Chicle estaba só na súa cela e comunicado por unha fiestra co preso de apoio, baixo o protocolo de prevención de suicidios.

 

 

Noticias web

10/01/2018