O Chicle debe cumprir 18 anos de cadea para optar ao terceiro grao

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña establece para José Enrique Abuín Gey, alcumado o Chicle, a pena máxima de prisión permanente revisable polo asesinato de Diana Quer e por abordar unha moza en Boiro coa intención de agredila sexualmente.
Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fixa en 18 anos o tempo mínimo de condena que debe cumprir para acceder ao terceiro grao. Tamén establece un prazo de 25 anos para que poida solicitar a revisión da pena e pedir unha posible liberdade.
Ademais, a Audiencia acorda acumular a pena de cinco anos de cárcere polos feitos de Boiro ás condenas polo asesinato de Diana Quer. Deste xeito, para acceder ao terceiro grao ou á revisión, computaranse os prazos coma se fose unha única pena: a prisión permanente revisable.
No auto, o maxistrado presidente da sección sexta, indica que non lle corresponde pronunciarse sobre o cumprimento doutra pena, interposta a José Enrique por uns feitos ocorridos no ano 2007. Neste caso, Institucións Penitenciarias é a que debe decidir sobre o cumprimento da pena.