CRTVG

Buscar

O certificado galego de vacinación estará dispoñible esta mesma semana

Publicado o 15/04/2021 13:59

Os galegos que xa se vacinaron contra a covid van ter a opción de imprimir en papel ou de levar consigo en formato dixital este certificado, que de momento inclúe exclusivamente datos relativos á data, á farmacéutica e ao lote que lles foi administrado. Posteriormente, a medida que avance a posta en marcha do certficado dixital verde europeo, incorporaranse outros datos, como que se realizou unha PCR negativa recentemente ou mesmo que se superou a enfermidade.

"Temos para esta semana a posibilidade de que a xente, neste formato, poida ter á disposición certificado. Traballamos, como nos esixía Europa, nos tres idiomas, o galego, o inglés e o castelán", explica Xosé Flores.

O certificado que acredita que xa se recibiu unha ou dúas doses da vacina contra a covid vai estar listo antes de que remate a semana nunha nova pestana que o Sergas vai habilitar na web É-saúde. A inicios da semana que ven poderémolo ter tamén na app Sergas Móbil e incluílo na billeteira do teléfono como facemos coas entradas do cine ou os billetes de avión. Alí constarán todos os datos relativos á nosa inmunización: "A vacina, o lote que che puxeron e a data da primeira e da segunda dose. Este é o primeiro paso. Despois traballaremos nun certificado que diga que xa pasamos a enfermidade ou nun terceiro que diga que temos unha proba recente que pode ser negativa ou positiva".

O certificado usa a mesma tecnoloxía que prepara a Unión Europea para xuño, co obxectivo de que a partir desa data sexa operativo en calquera dos 27 países membros.

"Non é un pasaporte que facilite poder viaxar, esto que quede claro, pero si queremos ir cara a algo que leva a unha mobilidade máis segura", matiza o xerente do Sergas.

Non será un requisto para exercer o dereito á libre circulación polo territorio da Unión, pero esperan que si un instrumento para o control da pandemia e para reactivar a economía de forma segura.

Noticias web

15/04/2021