O centro e leste de España, en alerta por fortes chuvias e risco de inundacións
É Álcanar , en Tarragona, non parou de chover nas últimas horas. Impresionan as imaxes, tamén os datos: recolléronse máis de 200 litros por metro cadrado en só tres horas e 5.500 usuarios quedaron sen luz. Pídese non saír das casas e evitar desprazamentos. Tamén en El Montsiá se pide evitar a mobilidade. Nesta provincia é onde o paso das treboadas deixa máis estragos. Accidentes, saídas de vías e evacuacións das vivendas.
En Castellón a situación tamén é extremadamente difícil. Ao longo desta tarde varias dotacións de bombeiros traballaron arreo no rescate de persoas que quedaron atrapadas nos seus coches nas localidades de Vinarós e Rosell.
En Alacante, a localidade de Orihuela viuse literalmente inundada. O centro peninsular tampouco se librou das chuvias torrenciais. A Garda Civil efectuou un rescate esta mesma tarde a unha parella de franceses de 68 e 69 anos que quedaron atrapados na localidade toledana de Cobisa.
Tanto na capital como no resto da provincia a auga entrou en baixos e casas. E novamente, coches inundados e vilas anegadas. A liña de AVE entre Toledo e Madrid quedou suspendida polas inundacións. Na comunidade de Madrid as treboadas pecharon túneles e deixaron unha chea de incidencias no metro e nos trens de proximidade.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía advirte que as condicións adversas continuarán aínda este xoves.