O cemiterio de San Facundo, en Paradela, o único que ten todas as lápidas en galego
Que os defuntos sexan lembrados no idioma que falaron na súa vida. Con esa premisa, os vinte nichos da igrexa de San Facundo, en Paradela, fan que o seu cemiterio sexa o único de Galicia con todas as lápidas en galego. Os veciños aproveitaron unha obra de reforma para traducir a lembranza dos seus familiares e aplicárono ás tumbas máis antigas, que datan dos anos 50. A Xunta de Galicia e colectivos en defensa da lingua quixeron premiar a particularidade deste camposanto.
"Trátase dun lugar emblemático por moitas cousas. Pero hoxe queremos destacalo por ser o único que ten as lápidas en galego e que sirva de modelo para Galicia enteira".
"Estou seguro que nos verá moita xente pola TVG e que tomarán conciencia da importancia de restaurar a memoria lingüística dos seus defuntos".
As familias dos defuntos, as empresas funerarias e os membros da Igrexa xogan un papel decisivo para que o exemplo do cemiterio de San Facundo se espalle por Galicia.