O Chacho cita catro xogadores do filial para completar a convocatoria
Sen Hugo Mallo, sancionado, Baeza e Fontán, mancados, afrontará o Celta o partido diante do Osasuna no Sadar (luns, 22 horas). Así as cousas Coudet só dispón de 15 xogadores do primeiro equipo para afrontar a xornada. Para incrementar os problemas, o Chacho tampouco poderá estar no banco porque terá que cumprir o segundo partido de sanción.
Na zona defensiva só hai dispoñibles catro xogadores con ficha do primeiro equipo: Kevin, Aidoo, Néstor e Galán. Entran Carlos Domínguez, habitual nas últimas listas, e Medrano, lateral formado no Atlético de Madrid e que foi incorporado polo Celta B para esta temporada. Tamén decidiu reforzar con Alfon a zona de ataque para compensar a ausencia de Baeza.
Coudet agarda polas novas incorporacións pero ningún estará á súa disposición para esta xornada. Xa é por todos coñecido que suspira por un central (apareceu o nome de Murillo nas últimas horas) e por un dianteiro centro, co brasileiro Thiago Galhardo no punto de mira.
Mentres, prepara o partido diante do Osasuna con Kevin será o substituto de Mallo. Aidoo entraría por José Fontán e haberá que ver se Cervi ou Solari entran na nómina dos once elixidos polo adestrador arxentino.