O Celta detecta dous futbolistas positivos en covid e o Barça outro xogador

O Celta de Vigo detecta dous casos positivos de covid-19 nas probas realizadas o sábado pasado. O equipo asegura que xa informou as autoridades sanitarias e que está seguindo os protocolos establecidos.
Nos próximos días, os dous futbolistas volverán someterse ás probas de detección da covid-19 para determinar cando se poden incorporar ao traballo co resto dos xogadores.
O cadro celeste arrinca hoxe os adestramentos en grupo, a partir das seis da tarde, nas instalacións deportivas da Madroa, cunha sesión en que van participar as dúas fichaxes realizadas ata o momento, Álvaro Vadillo (Granada) e Renato Tapia (Feyenoord) e nove futbolistas do filial.
O F. C. Barcelona tamén lles realizou probas PCR onte aos outros nove xogadores que van iniciar a pretemporada. Os resultados detectaron un futbolista positivo asintomático.
A dirección do equipo catalán di que este xogador non estivo en contacto cos membros do primeiro equipo que van viaxar mañá a Lisboa para xogar o venres os cuartos de final da Liga de Campións ante o Bayern de Múnic.
Os xogadores que se incorporaron aos adestramentos son Pedri, Trincao, Rafinha, Aleñá, Oriol Rosell, Miranda, Matheus, Todibo e Wague.
O Barça informou de que o afectado está ben, asintomático, e illado na súa casa.