CRTVG

Buscar

O Celta de Coudet ten un calendario accesible ata o final da primeira volta

Publicado o 16/11/2020 22:16

O Celta de Coudet empezará a verse este sábado en Sevilla. O novo adestrador debuta no Sánchez Pizjuán, e unha semana despois faino en Balaídos contra o Granada. O fútbol non para polo Nadal, así que o arxentino non vai ter máis tempo do que dispoña entre partido e partido. E no mes de decembro son seis, incluído o de Copa. Na liga son rivais da zona media baixa da clasificiación, empezando polo Athlétic de Bilbao, o Cádiz e o Alavés. O mércores antes de Nadal vai a Xetafe e o mércores previo á noitevella recibe o Huesca.

A man do novo adestrador ten que notarse para que no Celta poidan comer o turrón tranquilos. "Non podemos evadir a responsabilidade que temos nos resultados pero sen dúbida que precisamos de tempo e oxalá que nos acompañen dende o inicio os resultados porque iso tranquiliza moito e axuda moito", sinala o novo técnico do conxunto olívico.

Se o Celta remonta en decembro estará preparado para empezar o ano cun prato forte: a visita ao Bernabeu o domingo 3 de xaneiro. E o día de Reis terá outra eliminatoria de Copa se dá superado a primeira contra o Llanera. Na Liga recibe o Vilarreal, e despois dunha semana reservada para a Supercopa, finaliza a primeira volta no campo do Betis. Éibar e Granada completan a costa de xaneiro.
De momento Eduardo Coudet ten un reto en Sevilla: que nunha semana e sen poder traballar cos seis internacionais, se vexa un Celta máis ambicioso e gañador.

Noticias web

16/11/2020