O Celta comeza a era Escribá con derrota ante o Betis
Escribá apostou por un 4-4-2 coa idea inicial de aguantar o dominio do balón do Betis. E así foi que os andaluces dominaron a posesión no primeiro tempo pero as ocasións caeron dos dous lados.
Jesé recuperou un balón preto da área celeste e non dubidou en lanzar dende o frontal, meteu a man Rubén. Respondeu o Celta por medio de Maxi pero o uruguaio cruzou de máis. Entrou aí o partido nunha fase de ida e volta. Tívoa William Carvalho tras a boa combinación entre Joaquín e Lo Celso. Disparou alto. Pouco a pouco, o Celta foise botando algo cara adiante e rematou o primeiro tempo mellor do que o comezara.
Con esa mesma idea, de subir as liñas de presión, comezaron o segundo. Así provocaron un córner que rematou Araújo ao lateral da rede.
Pero no Betis mancárase Francis, entrou Tello e revolucionou o partido. No primeiro balón que tocou cruzou de máis ante a porta de Rubén.
E no 80. Tello chantouse ante Rubén, o porteiro de Mos despexou o seu lanzamento pero o rexeitamento caeulle a Jesé e marcou. Nun principio, Estrada Fernández anulouno por fóra de xogo. Logo de máis de dous minutos de revisión no VAR, decretaron que a posición de Tello no inicio da xogada era correcta e concederon o gol. Non tivo oportunidades para o empate o Celta, que abre a era Escribá con derrota.