CRTVG

Buscar

O Celta chega ao Camp Nou pleno de confianza

Publicado o 14/05/2021 17:59

O Celta chega ao final da liga en estado de graza. Tres vitorias e un empate nos últimos 4 partidos. "O equipo está animicamente coa frechiña para riba, está con ganas, con ganas de seguir desfrutando do partido do domingo e cunha vitoria levamos todo mellor", recoñece Brais Méndez. 

O último foi un triunfo que deixa bo sabor. Sempre lles custou aos celestes medirse con rivais tan intensos e físicos coma Xetafe. Un Celta inzado de baixas fíxolle fronte ao cadro de Bordalás como sinala o centrocampista de Mos: "Mesmo con baixas demostramos que podemos pelexar e que este tipo de partidos tamén quedan. É unha base bonita para seguir pelexando así para seguir desfrutando e ver ata onde chegamos"

O vindeiro obstáculo é dos importantes. Toca visita ao Camp Nou dun Barça que incuba unha crise crecente, segundo perde as súas esperanzas ligueiras, pero Brais desconfía: "Quererán apertar ata o final para ver se son quen de pelexar polo título. Vai ser un partido complicadísimo en que tentaremos dalo todo e traer os tres puntos e ímolo loitar"

Non parece mal momento para asaltar de novo o Camp Nou.

Noticias web

14/05/2021