CRTVG

Buscar

O Celta suma 37 puntos, os mesmos cos que se salvou a temporada pasada

Publicado o 05/04/2021 21:14

Os protagonistas son case os mesmos, pero que sensacións tan distintas. O ano pasado o Celta alcanzou os 37 puntos na última xornada cun empate agónico no campo do Español. Esta temporada conseguiunos a falta de nove xornadas e a impresión é que deu o paso definitivo. "Levamos máis que tres puntos —di o Chacho Coudet—, é un rival directo. Veño dicíndolles constantemente que era unha final".

O descenso queda 13 puntos por abaixo con 27 por xogarse. Coudet está cerca de certificar matematicamente o obxectivo con que chegou a Vigo. De 20 partidos gañou oito, empatou seis e perdeu seis. O arxentino non se atribúe o mérito: "Estamos nunha situación boa, e todo grazas aos xogadores, é todo mérito dos xogadores, de como se brindan, como se adestran... Dende que cheguei, o equipo sempre me fixo crer que podiamos estar ben".

Ademais o Iago Aspas goleador está de volta despois de tres meses sen marcar. Leva dez goles e o mesmo número de asistencias, logo de poñerlla onte a Nolito e a Santi Mina. Dobres díxitos que non ten ningún outro xogador da liga. Como dixo o propio Aspas aqui hai poucos días, o triunfo en Vitoria convida a mirar pra arriba, aínda que o sétimo está a oito puntos. "Somos esixentes, cremos que podemos estar mellor e imos tentalo", di Coudet.

O Celta recibirá o Sevilla sen os dous centrais titulares debido á expulsión de Murillo. A única pega dun triunfo que rompe o gafe de Mendizorroza, onde nunca gañara o Celta en Primeira división.

Noticias web

05/04/2021