CRTVG

Buscar

O Celta afástase de Europa despois de perder co Sevilla

Publicado o 13/04/2021 21:43

Ao Celta non lle chegou o potencial para impoñerse nun partido aberto a un rival poderoso, coa sorte de cara en momentos clave e que se adiantou nun córner que non debeu botarse, xa que o balón fóiselle antes ao Sevilla pola liña de fondo.

O Celta remontou grazas a un penalti provocado por Santi Mina antes de lesionarse, que transformou Aspas. E despois outra vez Aspas definiu como el sabe nun contragolpe co pase de Denis Suárez. O de Salceda, con dúas asistencias, tamén está nun gran momento. E quedou decepcionado con este freo ás aspiracións europeas: "Dáme rabia porque poñíasemos a tiro o sexto ou sétimo posto"

O Sevilla empatou antes do descanso, con outra dose de sorte e a mala pata de Aidoo. O Celta mantivo o tipo e foi polo terceiro. Marcou Brais Méndez coa asistencia de Denis Suárez e a complicidade de Aspas. Pero foi co paso dos minutos, no segundo tempo, cando se impuxo o máis forte, beneficiado pola regra dos cinco cambios.

Denis: "Teñen unha profundidade de equipo que se nota nos últimos vinte minutos"

A lesión de Ferreyra na xogada máis polémica do partido abondou na cuestión. O árbitro non viu penalti e o VAR non entrou a valorar, pero o arxentino acabou co nariz roto cando ía rematar dentro da área.

Coudet: "A realidade é que quedamos sen o noso dianteiro de referencia"

O Celta tamén reclamou un penalti sobre José Fontán. Pero finalmente, nun erro de Aidoo, o Sevilla atopou a súa oportunidade e marcou o cuarto, o gol da vitoria, que deixa o Celta a nove puntos do sétimo.

Coudet: "Non errou Aidoo, erramos todos. Hai que lembrar que na xornada 11 eramos últimos. Fixemos boas cousas e seguiremos para intentar melloralo"

Próxima parada, Cádiz, pendentes de Santi Mina e Ferreyra.

Noticias web

13/04/2021