CRTVG

Buscar

O Celta achega posturas con Thiago Galhardo para darlle a Coudet o dianteiro polo que suspira

Publicado o 21/08/2021 14:06
O Celta achega posturas con Thiago Galhardo para darlle a Coudet o dianteiro polo que suspira

O dianteiro polo que suspira Coudet está moi preto de chegar a Vigo. Trátase de Thiago Galhardo, un dianteiro co que o adestrador arxentino coincidiu en Internacional de Porto Alegre e co que acreditou os mellores números da súa carreira. 

Galhardo ten 32 anos e chegaría como cedido con opción de compra á entidade viguesa. Ocuparía praza de extracomunitario e o cadro vigués tería que resolver a situación de Cervi ou Tapia para ter o pasaporte comunitario antes da xanela de xaneiro, cando chegue o mexicano Oberlín Pineda. 

O dianteiro desenvolveu toda a súa carreira no fútbol brasileiro agás unha breve experiencia no Xapón. En 2019 acadou 12 goles para o Ceará, o que lle permitiu asinar co potente Internacional. Ás ordes de Coudet fixo unha gran temporada en 2020 marcando 17 goles.

Murillo volve ser unha opción para a defensa 

A outra posición que vai reforzar o Celta nos vindeiros días é a de central. Aquí cobra forza a opción de Jeison Murillo, que estivo as súas últimas temporadas en Vigo. A Sampdoria non quere ao xogador colombiano e o central adaptouse moi ben ao club e á cidade.