O caso de Pepe o do Cebreiro
O que hoxe senta no banco dos acusados, o frade franciscano Xosé Quintela Arias, tiña 56 anos cando sucederon os feitos xulgados e levaba no Cebreiro 5 anos. Alí era moi apreciado por veciños e peregrinos, aos que recibía ás portas do santuario. Pepe o Franciscano, como o coñecían, sempre estaba disposto a axudar.
Pero esa imaxe idílica derrubouse en febreiro de 2015 cando o detiveron despois de que a Garda Civil o investigara durante un mes, a raíz dos rumores que circulaban pola zona.
Descubriron entón que Xosé Quintela contactara o ano anterior a través das redes sociais coa moza de 16 anos pertecente a unha familia en risco de exclusión social. Pouco a pouco gañou a súa confianza e propúxolle que o acompañase á vivenda que tiña na localidade de San Xoán de Río, en Trives, para axudarlle a limpala a cambio de cartos. A primeira vez non mantiveron relacións sexuais, pero fíxolle tocamentos.
Malia que ela intentou distanciarse, o frade conveceuna e consumou as relacións sexuais noutras visitas a esa vivenda, na sancristía do santuario, nun coche e mesmo nun hotel. Tamén lle propuxo levar terceiras persoas. Foi cando a moza convidou un curmán, discapacitado, de 20 anos. Fíxolles fotos mantendo relacións e intentou abusar del. Deulles cartos aos dous ao día seguinte.
No móbil e noutros dispositivos que lle requisaron a Xosé Quintela, os axentes atoparon centos de imaxes de contido sexual, moitas delas da menor. Investigaron tamén se os cartos cos que lle pagaba á moza eran das esmolas do templo.
Tras a súa detención, o frade amosouse arrepentido, dixo que perdera a cabeza pero que as relacións sexuais foran consentidas pola moza, algo que ela tamén recoñeceu na súa declaración xudicial, e que lle daba cartos para axudarlle á familia porque que carecía de recursos económicos.