O 'Caníbal' de Ventas, culpable de matar e comer a súa nai
Publicado o 05/05/2021 21:22

O xurado popular considera culpable por unanimidade a Alberto S. G., coñecido como o Caníbal de Ventas, de matar, despezar e comer parte do corpo da súa nai tras unha discusión na casa da vítima en 2019, sen eximentes nin atenuantes por problemas mentais.
Fontes xurídicas informaron a EFE de que esta foi a decisión do xurado popular encargado de axuizar os feitos, que se reuniu onte martes ao mediodía para deliberar e deu o seu veredicto a última hora desta tarde.
Os nove membros do xurado —seis mulleres e tres homes— consideraron probado por unanimidade que o acusado cometeu o homicidio e despois seccionou o cadáver e inxeriu algunhas partes.