O Cangas falla un lanzamento no último segundo para gañarlle ao Bidasoa
Publicado o 19/09/2021 14:43
Na liga Asobal, primeiro punto para o Frigoríficos do Morrazo. Era o primeiro partido no fortín do Gatañal e comezou coa homenaxe á medallista olímpica Tere Portela. Os locais saíron moi forte e chegaron a ter cinco goles de vantaxe pero o Bidasoa, segundo clasificado a temporada pasada, foi recuperando a vantaxe e empatou a 24 goles cando só quedaban 20 segundos para o final. O Cangas tivo a derradeira opción, pero Alberto Martín atopouse cunha gran intervención de José Manuel Sierra.