CRTVG

Buscar

O camiño a Fisterra como cume da peregrinación compostelá

Publicado o 14/08/2020 12:30

O camiño de peregrinación a Fisterra está este verán da covid-19 moito menos concorrido que nos precedentes, ao contrario que a afluencia de visitantes turísticos. Canda Muxía, Fisterra é o cume da ruta xacobea para parte de camiñantes a Santiago e este día de agosto, mesmo encontramos quen fixo de Compotela non o final senón o principio da ruta.

Estes días sentir a soidade aquí non é tan doado, pero así e todo, atopamos quen volve repetir andaina vindo a pé desta volta desde Francia, polo Camiño francés e polo primitivo para logo ir a Muxía.

É un camiñante alemán que di que vai coa camiñada número once por aquí, a Fisterra e que vai polo seu décimo cuarto Camiño a Santiago.

Este trece de agosto, mesmo encontramos quen estreou unha modalidade de camiño con Compostela non como meta senón como principio. Son tres madrileños que din: 

"Empezamos desde Santiago ata Fisterra. O primeiro día foi o máis canso, pero é unha experiencia única e estame gustando bastante.
-Que esperas encontrar en Fisterra?, preguntamos.
-Tranquilidade", di ela.

Outro conta que "hai momentos en que vas a gusto e outros en que pensas por que me metín nisto, pero ao final paga a pena". E un terceiro afirma: "A atracción que tiña chegar a Fisterra, á fin do mundo, pareceunos moi apropiada para este ano con todo o que está a pasar. Chegar a ver o mar e a calma que agardamos encontrar".

"Empezamos polo final, para facelo con graza. Facer o Camiño desde outro sitio é o fácil, o diferente é facelo desde o final".

Ao pé do faro fisterrán volve, polo que nos conta, unha italiana para realizar a súa última pregaria canda un compatriota. Explica que "esta é a terceira e última vez que fago o Camiño ata Fisterra neste período da miña vida, porque algo diferente vai acontecer no seu futuro.

"Espero encontrarme a min mesmo no remate deste Camiño", di o seu acompñante, que de inmediato pregunta: "Non hai moitos peregrinos aquí, un pouquiño pola covid-19, non si?".

A baixa é notable tamén en camiñantes no outro sentido. As estatísticas da Oficina do Peregrino de Santiago do Camiño Fisterra e Muxía rexistraron en todo xullo vinte. Supoñen menos do seis por cento dos dese mes de 2019.

Noticias web

14/08/2020