CRTVG

Buscar

O cambio climático adianta a chegada das mareas vermellas

Publicado o 21/02/2020 20:59

30 polígonos bateeiros pechados en toda Galicia

O bateeiros de Muros aproveitan estes días para facer traballos de mantemento. Tres dos seus polígonos de mexillón están pechados pola marea vermella e contan que o cuarto peche nun par de días.

Daniel Formoso, patrón maior da confraría de Muros."As toxinas este ano viñeron demasiado pronto. Non acordo que pecharan nunca as bateas pola toxina en febreiro. Polo de agora non é preocupante. O malo é se logo hai peches moito máis prolongados"

A marea vermella chegou moito máis cedo do normal. Pero é que ademais afecta lugares aos que normalmente non chegaba a toxina, como os polígonos que están máis adentro nas rías.

Daniel Formoso, patrón maior da confraría de Muros."Normalmente a toxina vén de fóra. Pechan primeiro os polígonos máis aforados. Antes os de dentro era moi difícil que pecharan e agora realmente só están abertos unha ou dúas semanas máis".

Nestes momentos están pechados todos os polígonos mexilloeiros de Pontevedra. Na ría de Vigo pararon todos agás os de Redondela. Hai 10 afectados na Arousa e tampouco se pode extraer mexillón en Baiona. Temos 30 polígonos de bateas pechados en Galicia. Son máis da metade. Aínda así, se atopa mexillón no mercado pode consumilo con tranquilidade. As análises da auga son diarias e ás peixerías só chega o molusco que está en perfecto estado.

Noticias web

21/02/2020