O cambio a nivel medio en Ames afecta a hostalería
O cambio de nivel medio baixo a nivel medio afecta principalmente a hostalería, nos locais do concello de Ames a ocupación quedará restrinxida ao 30 % no interior e ao 50 % nas terrazas ao aire libre.
Juan Tocino, hostaleiro: "Agora xusto cadrou un pouco mal, que xusto que nos deixen abrir ata ás once da noite e subamos de nivel e hai que baixar a ocupación. Agora hai que ir coidándonos todos un pouco e que isto vaia cambiando".
Agora mesmo hai en Ames 44 casos activos por covid. Segundo informou a xerencia de área sanitaria de Santiago ao concello, a incidencia acumulada a sete días é de 72 casos. A partir do día 9 as localidades do municipio pasarán ao nivel medio de restricións. O cambio non afecta nin as reunións, que poden ser de catro persoas ou de seis en espazos abertos, nin á mobilidade.
"Si que resulta difícil, eu cando teño algunha dúbida procuro mirar na aplicación da Xunta e intento informarme antes de ir a algún sitio para saber se podo ir ou non", asegura unha veciña. Outro veciño de Ames afirma que non sae moito da casa: "Eu son da aldea e estou metido na aldea".
O Sergas comunicoulle ao concello de Ames que durante esta fin de semana se realizará un cribado no centro de saúde do Milladoiro ao que serán convocadas persoas de 41 a 50 anos.