CRTVG

Buscar

O calendario do curso que vén será similar ao deste, do 10 de setembro ao 22 de xuño

Publicado o 12/06/2020 14:44

O calendario escolar do próximo curso será similar ao deste e ao dos anos anteriores. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional remitiulles aos sindicatos a súa proposta, segundo a cal o curso comezará o 10 de setembro e finalizará o 22 de xuño de 2021 nos centros de infantil e primaria de Galicia.

En ESO, bacharelato e Formación Profesional o inicio do curso será o 16 de setembro e o remate o 22 de xuño do ano que vén.

Nos ensinos de réxime especial, as actividades lectivas realizaranse entre os días 16 de setembro de 2020 e 30 de xuño de 2021, de acordo cos calendarios de probas de acceso e probas de certificación establecidos para cada unha delas.

Así mesmo, establécense como períodos de vacacións as tradicionais datas de Nadal -desde o 23 de decembro de 2020 ata o 7 de xaneiro de 2021, ambos inclusive-; Entroido -os días 15, 16 e 17 de febreiro de 2021- e Semana Santa -desde o 27 de marzo ata o 5 de abril de 2021-.

O borrador de orde tamén recolle o calendario para o funcionamento dos comedores escolares dos centros públicos, que en Educación Primaria funcionarán desde o 10 de setembro de 2020 ata o 22 de xuño de 2021; e en ESO desde o 16 de setembro de 2020 ata o 22 de xuño de 2021.