CRTVG

Buscar

O Breogán volve á ACB pola porta grande

Publicado o 20/06/2021 21:10

Fixo o mellor encontro da temporada no partido decisivo da eliminatoria final contra o Granada (57−83)

O Breogán xogará a temporada 21-22 na ACB logo de gañar por 57-83 na pista do Granada. Foi o mellor partido da temporada, desde o inicio ata o final. O 12-29 do primeiro cuarto foi premonitorio. A diferenza, ao descanso, era de 20 puntos (29-49) e chegou a estar en +35. Nun partido de cor lucense viviuse un regreso soñado á elite do baloncesto para o Breogán.

O balón voou ao ceo de Granada e os locais fixéronse con el pra anotar a primeira canastra, Murphy. Pero a partires de aí o Breogán puxo a maquinaria a funcionar e esnaquizou o primeiro cuarto. Agresivos atrás, forzando ata sete perdas de Granada, xogando cómodos en transición e apoiados no acerto que faltou en partidos anteriores. Breogán pechou o primeiro cuarto 17 arriba, cun Ahonen espectacular, 9 puntos.

O segundo parcial, arrancou igual e esta tripla dun brillante Eric Quintela marcaba a máxima diferenza galega, +21. O acerto galego comezou a baixar, pero encontraron remedio no rebote pra seguir mandando con autoridade. Ao descanso, 29-49.

Á volta Granada tratou de subir o nivel e meterse na pelexa, pero nunca encontrou o xeito de incomodar á defensa galega. Este rebote de Kacinas elevaba a distancia a 28 e este tiro libre de Larsen ata os 35. Granada tardou máis de cinco minutos en anotar neste cuarto e aí o Breogán acabou por amarrar o ascenso.

O cuarto final resultou un exercicio de control, dez minutos pra gozar en Granada da misión cumprida, dun partido redondo, do traballo ben feito. 57-83 foi o resultado final. O Breogán estará xunto o Obradoiro a temporada que vén na liga ACB.    

Noticias web

20/06/2021