CRTVG

Buscar

O Breogán supera o Palma e segue na loita polo ascenso

Publicado o 29/05/2021 21:31


 
O partido comezou dun xeito esperanzador para o Río Breogán. Unha posta en escena case perfecta deulle aos lugueses unha vantaxe inicial que non logrou manter durante moito tempo. O acerto inicial de Sollazzo obtivo cumprida resposta por parte de Pol Figueras para os visitantes, que lograron poñerse por díante nos últimos intres dun primeiro cuarto que terminou cun marcador de 18 a 19 que falaba de igualdade entre os dous equipos. Os mil cincocentos afeccionados presentes no Pazo preparábanse para unha tarde de intensas emocións. No segundo cuarto mantívose o equilibrio no electrónico, con pequenas vantaxes para o Palma ata que o acerto nas triplas de Kevin Larsen e de Salva Arco colocaban ao Breogán por díante para afrontar a recta final antes do descanso. Aí volveu aparecer un formidable Pol Figueras para manter a igualdade. Terminou a primeira metade con 15 puntos. O marcador, no tempo de lecer, 36 a 38. No terceiro cuarto, o acerto desde a liña de 6,75 por parte de Solazzo deulle un respiro ao conxunto lugués. Pero o Palma sempre atopaba respostas, nestes minutos da man de Jacobo Díaz. En calquera caso, nada se resolvía definitivamente. 56 a 58 para afrontar os últimos dez minutos. Chegaba a hora da verdade, e o Río Breogán apretou. O último cuarto tivo clara cor celeste. O Palma non puído manter o seu acerto en ataque, e pouco a pouco os lugueses foron tomando vantaxe. A igualdade anterior pasou a historia. Iván Cruz, Sollazo, Larsen ou Salva Arco. Todos aportaron. O parcial do cuarto foi demoledor. 24 a 10, para o 80 a 68 final que lle dá o pase a semifinal ao conxunto lugués.

Noticias web

29/05/2021