CRTVG

Buscar

O Breogán, obrigado a gañar para seguir soñando co ascenso á ACB

Publicado o 16/06/2021 20:18

Gañar ou dicirlle adeus á temporada e ao soño do ascenso. O Breogán volve estar contra as cordas. Non é a primeira vez, como lembra o adestrador lucense Diego Epifanio: "Xogamos un partido agora sen rede, pero tamén xogamos o último partido contra a Palma sen rede, o último partido contra Alacante sen rede e o equipo respondeu ben".

Chega a final e aumenta tamén a temperatura entre os adestradores. O técnico do Granada, Pablo Pin, sinalou na previa que o Lugo estaba deseñado para o ascenso: "Non podemos esquecer que ao final Lugo é o gran favorito para subir aínda que nós gañasemos o primeiro partido, aínda que nós teñamos o factor cancha, aínda que nós fósemos primeiros da liga... O equipo que se fixo para subir dende o principio foron eles, foi Lugo". 

Esas declaracións tiveron a resposta do técnico breoganista: "Parece que esta final é unha final entre o mellor equipo do mundo, e se nós somos o mellor equipo do mundo será pola nosa afección que o demostrou ou será pola historia que ten o club, contra un club que resulta que veu xogar, que se meteu na competición por nada, non? Cada un que poña a máscara que queira pero a realidade é a que é", rematou Diego Epifanio.

A realidade é que o Breogán volverá ser un equipo agresivo e valente, que buscará a vitoria arroupado por unha afección orgullosa "Nós temos a obriga de deixar os ovos, de tirarnos a cada balón, de respectar o noso escudo e os nosos afeccionados, de gozar con eles, esa é a nosa obriga. Estou convencido de que ninguén, ninguén pode dicir que iso non o fixeramos e estou convencido de que ninguén nolo vai poder dicir o xoves", asegura Epi.

O xoves, dende as 8 e media, na G2 veremos se o soño da ACB segue vivo para o Breogán.

Noticias web

16/06/2021