CRTVG

Buscar

O Brasil supera o medio millón de mortos por covid entre protestas contra Bolsonaro

Publicado o 20/06/2021 11:18

O Brasil é o segundo país do mundo en superar o medio millón de mortes por covid só por detrás dos Estados Unidos.

Este sábado rexistráronse case 1.500 falecementos e máis de 20.000 contaxios. As cifras reais aínda poden ser maiores porque non se lles fan probas a todos os posibles casos.

As autoridades informan de que xa contabilizaron 500.022 mortes desde o comezo da pandemia de coronavirus. A xornada coincide coa saída ás rúas de todo o país de centos de milleiros de manifestantes que berraron "Fóra Bolsonaro".

O presidente brasileiro segue a restarlle importancia á pandemia coa utilización de expresións como "gripeciña" para referirse á enfermidade ou cuestionando as vacinas e o uso das máscaras.

A esquerda mobilízase nas cidades principais coa mirada posta nas presidenciais do ano próximo. Os manifestantes, a maioría deles con máscara buscan engrosar as filas da revolta contra a situación actual do coronavirus no Brasil.

As principais consignas contra o presidente, ademais da cifra inamisíbel de mortes pola covid-19 son a lentitude da vacinación, a devolución da axuda de emerxencia duns 118 dólares, o desemprego, o medio natural, a violencia contra a poboación negra ou a mala calidade da educación.

 

Noticias web

20/06/2021