CRTVG

Buscar

O Brasil rexistra máis de 2.600 mortes da covid por terceiro día consecutivo

Publicado o 19/03/2021 08:23
O Brasil rexistra máis de 2.600 mortes da covid por terceiro día consecutivo

O Brasil, actual epicentro global da pandemia da covid, rexistrou este xoves máis de 2.600 mortes por coronavirus por terceiro día seguido, alcanzou unha media de 2.087 óbitos diarios na última semana e acumulou 287.499 vítimas desde o comezo da crise sanitaria.

Segundo o boletín divulgado este xoves polo Ministerio de Saúde, o xigante latinoamericano rexistrou nas últimas 24 horas 2.724 novas mortes por covid, o segundo maior número de vítimas desde o comezo da pandemia hai pouco máis dun ano e tan só superado polo récord de 2.841 decesos do pasado martes.

A cifra volveu crecer con respecto ás 2.648 mortes rexistradas o mércores, agora o terceiro maior número de óbitos desde o 26 de febreiro de 2020, cando foi rexistrado o primeiro caso de coronavirus no Brasil e en América Latina.

O boletín deste xoves do Ministerio indicou igualmente que O Brasil rexistrou nas últimas 24 horas 86.982 contaxios novos da covid, terceira maior cifra de casos nun só día tras o récord de 90.303 infeccións do xoves e as 87.840 notificados o pasado 7 de xaneiro.

Segundo o Ministerio, O Brasil acumula agora 11.780.820 casos da covid desde o inicio da pandemia e a media de contaxios na última semana chegou este xoves a 71.872 diarios, cifra nunca antes vista.

As cifras confirman ao Brasil como o novo epicentro global da pandemia e como o segundo país con máis mortes e máis contaxios pola covid no mundo, superado tan só polos Estados Unidos.

Igualmente confirman que o país sofre unha segunda onda da pandemia moito máis virulenta e letal, en parte provocada pola circulación de novas cepas do virus, entre as cales a chamada variante brasileira, que xurdiu na Amazonía e é considerada tres veces máis contaxiosa que a orixinal.

Ao bordo do colapso hospitalario

O aumento dos contaxios deixou á maior parte do Brasil ao bordo dun colapso hospitalario pola falta de prazas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) para os enfermos máis graves.

Segundo a estatal Fundación Oswaldo Cruz (Fiocruz), O Brasil vive o "maior colapso sanitario e hospitalario da súa historia" debido a que en 25 dos 27 estados do país as taxas de ocupación das UCI son iguais ou superiores ao 80 %, e en 19 cidades capitais, que son as que concentran maior poboación, estas unidades especializadas excederon o 90 % da súa capacidade.

O temor a que se produza un total colapso sanitario levou á alcaldía de Sao Paulo, a maior cidade de Brasil, a anunciar novas e máis severas medidas de distanciamento social, e á do Río de Janeiro, segunda maior urbe, a anticipar que nos próximos días elevará o grao do seu confinamento.

O alcalde de Sao Paulo, Bruno Covas anunciou o adianto de cinco festivos, tres eles correspondentes a 2022, a fin de reducir aínda máis a mobilidade na capital paulista na última semana de marzo e a primeira de abril.

Entre as vítimas da covid deste xoves destaca o senador Sergio Olímpio Gomes, máis coñecido como Major Olimpio e que foi un importante aliado do presidente Jair Bolsonaro no seu primeiro ano de Goberno, que faleceu de morte cerebral no hospital de Sao Paulo no que estaba ingresado facía dúas semanas por covid.