CRTVG

Buscar

O Brasil chega a case 44.000 mortes e aproxímase a 900.000 casos de COVID-19

Publicado o 16/06/2020 07:25
O Brasil chega a case 44.000 mortes e aproxímase a 900.000 casos de COVID-19

O Brasil rexistrou nas últimas 24 horas 627 novos falecidos por coronavirus. Desa maneira, o total de mortes causadas pola pandemia chegou a 43.959, segundo datos difundidos polo Ministerio de Saúde.

O balance diario elaborado por ese despacho sobre a base dos datos recolleitos polas secretarías rexionais agrega que no mesmo período de 24 horas foron confirmados 20.647 novos casos, que elevan o número de contaxios acumulado ata hoxe a 888.271.

O Brasil é o segundo país máis afectado polo coronavirus no mundo, só por detrás dos Estados Unidos, e a curva pandémica mantense en ascenso, aínda lonxe do pico que os expertos e mesmo o propio Ministerio de Saúde esperan que se alcance en cuestión dunhas semanas na maior parte do territorio nacional.

De acordo con datos oficiais, ata hoxe recuperáronse un total de 412.252 pacientes, en tanto que outros 432.060 se manteñen baixo observación.

A rexión máis impactada continúa sendo o estado de São Paulo, que concentra pouco máis do 30 % dos 210 millóns de habitantes do país e ten ata hoxe case 181.460 casos e 10.767 falecidos, pero aínda así iniciou unha rápida desescalada, a pesar das críticas de moitos especialistas en saúde.

Segundo as autoridades do estado, nas últimas dúas semanas a incidencia da pandemia comezou a estabilizarse; por iso, podería alcanzarse o pico da curva, o cal permitiría comezar a relaxar as medidas de illamento social adoptadas en marzo pasado.

De todos os xeitos, o goberno rexional insistiu este luns en que, se ocorrese un rebrote, a reactivación das actividades no corazón financeiro e industrial do Brasil poderá ser revisada. "A posibilidade dun segundo pico existe, é real e así se viu xa en moitas cidades do mundo. Se esa tendencia se comprobase en São Paulo, darase un paso atrás", dixo este luns o coordinador do centro de continxencia para a COVID-19 nese estado, Carlos Carvalho.