CRTVG

Buscar

O Brasil aproxímase aos 400.000 casos de coronavirus e ás 25.000 mortes

Publicado o 27/05/2020 07:41
O Brasil aproxímase aos 400.000 casos de coronavirus e ás 25.000 mortes

O Brasil aproximouse este martes aos 400.000 casos confirmados do novo coronavirus e ás 25.000 mortes por causa da pandemia, segundo o máis recente boletín diario divulgado polo Ministerio de Saúde. De acordo co informe, o xigante suramericano rexistrou nas últimas 24 horas 1.039 mortes e 16.324 contaxios pola COVID-19, e con iso os números totais elévanse a 391.222 casos confirmados e 24.512 decesos.

Con varias xornadas diarias por encima dun milleiro de mortos, o número de falecementos rexistrado nunha semana foi de 6.541. Por cantidade de infeccións, Brasil mantívose como o segundo país no mundo con máis casos, por detrás soamente dos Estados Unidos, que teñen uns 1,6 millóns de contaxios por COVID-19.

Segundo o boletín, un 40,53 % dos infectados por coronavirus no país (158.593 pacientes) foron reportados como clinicamente curados.

O epicentro da pandemia no Brasil segue sendo a rexión sueste, a máis poboada e rica, onde o estado de São Paulo, no que viven uns 46 millóns de persoas, concentra a maior parte, con 86.017 casos confirmados e 6.423 mortes. Por detrás de São Paulo sitúase o Río de Xaneiro, cun total de 40.024 infectados e 4.361 mortes. Logo aparece Ceará, o primeiro estado máis afectado da rexión nordeste, con 37.021 contaxios e 2.603 falecementos.

Por número de casos confirmados, Amazonas (norte) e Pernambuco (nordeste) completan a lista dos cinco estados máis afectados, con 31.949 e 28.854 contaxios respectivamente. Xa por cifra de mortos, na cuarta posición aparece o amazónico estado de Pará, con 2.469 mortes, e na quinta, Pernambuco, con 2.328.

A escalada de casos e defuncións por culpa do coronavirus segue en disparada no Brasil, a pesar de que todos os estados máis golpeados seguiron as orientacións sanitarias da Organización Mundial da Saúde (OMS), con corentenas, illamento social, peche do comercio e, nalgunhas cidades, confinamento total.

Con todo, a pesar da acelerada propagación da COVID-19 no país, diversos municipios empezaron a relaxar as súas medidas de restrición esta semana. Nese sentido, a directora da Organización  Panamericana da Saúde (OPS), Carissa Etienne, confirmou este martes nunha teleconferencia de prensa que Latinoamérica se converteu "no epicentro da COVID-19" e, por iso, "este non é o momento de relaxar as restricións", senón de "permanecer vixiantes" e aplicar "agresivamente as medidas" de illamento.

"En América do Sur hai preocupación particular polo número de casos reportados no Brasil, que foi o máis alto desde que comezou a pandemia", agregou Etienne, quen proxectou ademais que o xigante suramericano pode chegar ás 88.000 mortes deica agosto.