CRTVG

Buscar

O bo tempo e a mellora dos datos da pandemia favorecen o turismo na ponte

Publicado o 09/10/2021 20:18

O bo tempo e a mellora dos datos da pandemia están a favorecer a chegada de turistas a Galicia esta ponte. Hoxe a praza do Obradoiro, destino ineludible para a maioría dos que nos visitan, estaba ateigada. 

"Todo é moi bonito: a paisaxe, todo verde, o mar -que agora viñemos pola costa-, precioso", resume unha muller que vén cada vez por unha ruta distinta. "Divino o Camiño, divina a xente, divino todo", subliña unha turista do Uruguai. "Sentímonos moi seguros aquí en Galicia", engade outro visitante.

Esta semana superáronse as expectativas do ano respecto á afluencia de peregrinos. Van máis de 140.000 camiñantes. Os que atopamos en ruta, en Palas de Rei, coincidían en que é un momento perfecto para vir.

"Hai máis dispoñibilidade nos albergues, nos hostais, nos restaurantes e parecíame unha boa idea aproveitar a temporada", explica unha peregrina de Colombia. "E o día aínda é longo. Parécenme as datas idóneas, si", opina outra camiñante. "O tempo é perfecto", apunta tamén un californiano.

As Rías Baixas tamén están a recibir un volume importante de viaxeiros. Esta mañá xa era difícil lograr pasaxe para gozar dun día nas Cíes. "Neste momento quedan as últimas prazas libres para o martes para visitar as illas Cíes pero para o resto da ponte xa estaría a cota completa", confirmaba a coordinadora comercial da navieira de Mar de Ons.

Os hoteis de Sanxenxo están ao 100 % e en Vigo roldan o 90 %. "Esperabamos un pouco menos despois do verán, que a xente tivese algo de medo, pero para nada. Hoxe temos unha ocupación do 97 %, mañá baixa un pouquiño pero rolda o 90, 92%", dinnos desde a recepción do hotel Bahía, de Vigo.

Noticias web

09/10/2021