O bo tempo anima o turismo de outono na Ribeira Sacra
Os turistas ateigan lugares emblemáticos da Ribeira Sacra como os mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil ou o de San Pedro de Rocas. A calor e o sol invitan a seguir visitando esta zona mesmo agora que pasou o verán e xa rematou a vendima. Os visitantes sinalan que o outono é unha época do máis acaido para coñecer estas paisaxes e máis se o clima axuda.
O bo tempo fai que aínda se vexan numerosas embarcacións de recreo polo río Sil e que os aparcadoiros dos lugares turísticos aparezan cheos. Aínda non é o momento das castañas, cogomelos e outros produtos e cores do outono pero tanto os visitantes como os hostaleiros sinalan que o que queda de outubro é un momento ideal para coñecer a zona.
O outono resístese a chegar a Galicia e tamén aquí a Ribeira Sacra, como se pode comprobar con esta paisaxe inusualmente verde para esta época do ano. A parte boa é que está a traer numerosos turistas e que irán a máis na fin de semana.
En dúas semanas será o tempo dos magostos e agárdase que esta zona se volva encher de visitantes tanto se o tempo acompaña como se non.