O bo tempo adianta a floración das ameixeiras xaponesas no Faramello
O bo tempo destes días adiantou polo menos dúas semanas un dos espectáculos naturais máis agardados en Galicia: a floración das ameixeiras xaponesas no pazo do Faramello. Chámanlle o sakura galego: flores do Xapón sobre un chan de pedra do país.
Gonzalo Rivero de Aguilar, dono do pazo: "Esta é unha terraza do barroco compostelán. Chámanlle a fraga de pedra porque parece que as árbores nacen das pedras e as árbores son técnica bonsai. teñen pouca terra e están unidas por arriba para que collan forza por aí".
O pazo do Faramello foi residencia de verán do rei Afonso XIII. Unha delegación xaponesa que o visitou aquí trouxo as primeiras árbores de mazás fuji que chegaron a España. Neste xardín, O Xapón está presente a cada paso".
Gonzalo Rivero de Aguilar, dono do pazo: "Déronse de conta de que todo o que viña do Xapón se dá aquí moi ben. Así que, sendo moi galego, o pazo ten moita influencia xaponesa a nivel botánico: ameixeiras xaponesas, camelias, maceiras fuji...".
Normalmente anuncian a chegada da primavera. Pero este ano as flores das ameixeiras xaponesas abriron en pleno inverno. A estampa dura apenas unhas semanas, pero durante ese tempo atrae centos de visitantes de todo o país.