CRTVG

Buscar

O BNG pídelle á Xunta que invista os cartos do IVE de 2017 na Atención Primaria

Publicado o 21/05/2021 13:18

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediulle á Xunta de Galicia que use os cartos que lle debe o Goberno central, pola mensualidade do IVE de 2017, para reforzar a Atención Primaria.

Despois dunha xuntanza coa comisión de centros de atención primaria da área sanitaria de Santiago e Barbanza, instou ao Executivo galego a destinar eses cartos, en canto os reciba, "á porta de entrada ao sistema sanitario". "Xa non hai escusas para non facelo", sentenciou.

Neste sentido, lembrou que Galicia lle reclamou ao Goberno estatal por esta cuestión 204 millóns de euros, malia que a sentenza do Tribunal Supremo sobre este asunto non establece unha cantidade.

A líder nacionalista insistiu na necesidade de reforzar o servizo de Atención Primaria en Galicia que, na súa opinión, debería recibir o 25 por cento do orzamento da consellería de Sanidade e non o 15 por cento, como agora.

Na mesma liña, Pontón tamén reclamou a creación de xerencias de Atención Primaria "con recursos e medios" e "incrementar o número de profesionais".

Para o BNG, este reforzo é imprescindible despois de "doce anos de recortes" no sistema, que derivaron "nunha deterioración moi grande" porque "non se cobren baixas nin xubilacións".

Esta situación, denunciou, provoca que "por primeira vez" a cidadanía galega teña que afrontar "listas de agarda de ata quince días para poder acceder á Atención Primaria" e que "se dificulte" o acceso presencial.

Criticou, por tanto, que a Xunta non asuma a súa responsabilidade ante esta situación e opte por "atacar directamente a profesionais" cando é o Goberno de Alberto Núñez Feijóo o que "claramente está a traballar por deteriorar o servizo público".

Persoal de reforzo nos centros escolares

Por outra banda, Ana Pontón reclamou o mantemento de "todo o persoal de reforzo" co que se contou neste curso escolar pola covid-19 para o que comeza en setembro. A líder nacionalista rexeitou a decisión de Educación de volver aos cocientes prepandemia para o curso 2021-2022.

Na súa opinión, a Xunta e o Goberno central teñen que "poñerse de acordo" para manter o persoal de apoio porque antes da pandemia "os cocientes de alumnado eran moi altos".

Ana Pontón amosouse partidaria de aproveitar para que o "problema" se converta nunha "oportunidade" de fortalecer o sistema educativo público.

Do mesmo xeito, urxiu a adoptar decisións canto antes porque non se pode asistir a unha "nova improvisación" respecto a como se vai a enfrontar "un inicio de curso que é fundamental".

Noticias web

21/05/2021