CRTVG

Buscar

O BNG propón unha materia de igualdade "obrigatoria" para combater a violencia machista

Publicado o 14/06/2021 16:50

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu na necesidade de combater a violencia machista desde o ámbito educativo para o que propuxo implantar unha materia "específica e obrigatoria" en igualdade que sensibilice contra esta secuela. "Educación, educación, educación en igualdade debe ser a máxima prioridade", asegurou.

Nunha conferencia de prensa en Santiago, tamén salientou a importancia da proposición de lei de violencia vicaria impulsada pola súa formación e que, agarda, se aprobe en xuño antes de finalizar o actual período de sesións. "Esta lei debe servir para reforzar a loita contra a violencia", centrándose no "elo máis débil" da cadea, a poboación menor, que precisa de recursos para avanzar na "prevención e na protección".

Segundo Pontón, "algo falla" no terreo da protección, polo que se debe modificar a lexislación para que cada vez que haxa un caso de violencia machista, a xustiza revise o réxime de custodia e de visitas "tendo claro que un maltratador non é un bo pai".

O BNG tamén propón revisar os protocolos dos puntos de encontro familiar e crear un mecanismo específico para valorar o nivel de risco no que se poida atopar a descendencia das mulleres que sofren violencia machista. Ademais, reclama un incremento destas unidades "porque a día de hoxe só existen nas cidades".

A líder nacionalista considera intolerable que a metade da poboación sufra o terrorismo machista.

Noticias web

14/06/2021