CRTVG

Buscar

O BNG pide baixar o IVE da luz por ser un ben de primera necesidade

Publicado o 24/05/2021 15:06

A portavoz nacional do BNG propuxo unha rebaixa do IVE da factura da luz ao 4 % e esixiulle ao Goberno derrogar os aspectos máis lesivos dunha factura "abusiva e inxusta" para a maioría social.

En declaracións aos medios nun acto nas oficinas de Naturgy en Santiago, Ana Pontón criticou o novo sistema de facturación da electricidade que "beneficia o grupo de presión enerxético pero penaliza as familias e as PEME en plena crise".

O modelo, que entrará en vigor o vindeiro 1 de xuño para a clientela que se atopa no mercado regulado, suporá, ao seu entender, un "encarecemento da electricidade" que afectará as familias, pero tamén o sector da gandería ou penalizará a hostalería.

Na súa opinión, tamén será "un obstáculo á conciliación" que pagarán as mulleres, que son as que xeralmente se ocupan das tarefas domésticas porque "a mensaxe é que se queres aforrar hai que poñer a lavadora a medianoite".

"O xeito que entende o Goberno e as eléctricas de conciliación é poñer a lavalouzas, o forno, cociñar ou pasar o ferro ás doce da noite", denunciou.

Por iso, insistiu na necesidade de que se reduza o IVE ao 4 por cento fronte ao 21 por cento actual, que grava a electricidade como "un ben de luxo", malia ser de "primeira necesidade".

Pontón tamén lamentou que a cidadanía galega vaia estar prexudicada pola nova factura cando a nosa comunidade é sobrante neta de enerxía, mentres que carece de "beneficios".

Por esta razón, avanzou que o BNG volverá demandar no Parlamento unha tarifa eléctrica propia fronte ao modelo actual, no que "non se contempla ningún beneficio para un país que é produtor" excedentario de enerxía.

Noticias web

24/05/2021